San Vitoiro

Info
2/2
2/2

PROXECTO Casa San Vitoiro en Allariz
PREMIOS Premio Gran de Area 2021
CONSTRÚE Jesús Buceta Hábitat S.L.
CONSULTOR MadeiraArquitectura
ARQ. TÉCNICO Miguel Gallego Otero
FOTOGRAFÍA Brais Seara Fernández
COLABORA Fátima Nieves Fernández
FIN DE OBRA Xullo 2023


"CASAS NOVAS PARA TEMPOS NOVOS"

Coñecemos a Ana e Angel uns meses antes de que o mundo se parara.
Cada unha das claves que nos deron para abordar o proxecto da súa nova casa parecía anticipar o que estaba por vir, polo que comezamos a deseñar unha vivenda pospandemia sen tan sequera sabelo.
Ese tempo de emerxencia sanitaria e incerteza que nos obrigou a todos a repensar a nosa domesticidade, revelou o lúcido das decisións que foran tomando e que configuraron o noso marco de traballo.

Amantes do deporte, do contacto ca natureza e da vida sinxela, decidiron comezar de novo no rural, abrazando todo aquelo que o entorno lles ofrecía, lonxe desa visión idealizada e romántica que moitos urbanitas teñen do que é a aldea.
Desfrutar do monte, dos camiños, da veciñanza. Desfrutar do inverno e do verán. Pero sobre todo, desfrutar do espazo exterior. Querían unha casa que lles permitise de vivir fóra da casa.

Esta vocación de expandir o ámbito doméstico máis aló dos muros que pechan as nosas vivendas, esixía minimizar o programa funcional, maximizando as potencialidades de uso.
Debíamos de articular o imprescindible, fuxindo dos típicos “por se acaso” que tenden a dar coma resultado vivendas sobredimensionadas e infrautilizadas, nun exercicio de compactación que nos permitise desbloquear metros e esponxar unha proposta accesible e viable.

O mesmo tempo, a vivenda debía aproveitar todas as potencialidades da parcela, adaptándose ao contexto dun xeito respectuoso e sensible coa vexetación existente e coa pendente natural do terreo, pasando desapercibida dende a rúa.
Conxugar o criterio de accesibilidade nunha única planta, garantindo os accesos e minimizando os traballos de implantación levounos a propor unha vivenda elevada, en estrutura palafítica, que permitise o aproveitamento dese intersticio como un gran espazo aberto, que sumados os existentes no nivel superior, fai que case o 60% da superficie corresponda a espazos exteriores cubertos.

A xeometría fixo o resto.

Tres módulos de 7x4 metros (dimensións condicionadas polo transporte dos entramados lixeiros de madeira), nunha disposición concéntrica e xirados 120º, conformando un espazo central triangular, permitiunos “abrazar” as árbores existentes e abrirnos ás vistas lonxanas, aproveitando todas as orientacións e respectando os accesos peonil e rodado.
Dito esquema inicial, reforzase conformando un novo triángulo equilátero unindo os vértices alternos, arriostrando o conxunto e conformando uns corredores exteriores cubertos, tan habituais na arquitectura tradicional da comarca.
Unha casa lixeira, esencial e sostible, executada integramente en madeira e pousada sobre unha bandexa estrutural de formigón que permite salvar grandes luces, liberando o espazo inferior e minimizando os puntos de contacto co chan, pousándose, sen apenas deixar pegada.

Na cea á que nos convidaron o acabar a obra (30 persoas con pulpeira incluída), un veciño dixo;
“a casa un día despega e non a volvemos a ver”. Entendeuno todo.

Marmurio do Río

Info
2/2
2/2

PROXECTO REFORMA INTERIOR PARA RESTAURANTE
MARMURIO DO RÍO
CONSTRÚE Desarrolla S.L.
FOTOGRAFÍA Dennys Martín Pérez
FIN DE OBRA Xaneiro 2023


"DENDE A RAÍZ"

Marmurio do Río é o novo proxecto culinario do Chef Luis Moreno en Allariz.
Unha volta ás raíces, a súa infancia, pero sobre todo, a unha determinada maneira de entender o seu oficio, inseparable da terra e de todo aquelo co que nos agasalla.

A súa, é unha proposta radical, unha viaxe cara o esencial, onde os produtos naturais e de proximidade son os auténticos protagonistas, na cociña e no prato, a través de sabias elaboracións nas que se mima ata o máis pequeno dos detalles.
Eses detalles, ás veces miúdos, revélanse fundamentais cando un comprende a súa filosofía de traballo e a coherencia do seu relato. A súa nova “casa” pois, debía compartir eses principios.

Debíamos traballar os espazos do Marmurio, non como un entorno neutro ou un decorado de fondo (estratexia habitual neste tipo de locais, onde o protagonismo tende a centrarse exclusivamente no prato), se non como unha parte máis da experiencia, inseparable da mesma, entrelazándose e complementando unha mesma narrativa.
O proxecto tiña que participar desa querenza polo natural, o orgánico e o sensorial, na busca desas raíces ata chegar ao elemental. A presenza dos catro elementos era polo tanto obrigada, sendo a única condición de partida por parte do Chef.

A clave radicaba na maneira na que podíamos dar corpo a ese imaxinario e adaptalo a un local que de por si xa viña cargado cas súas propias “suxestións”.
Un inmoble en catro alturas, situado no casco vello, de planta estreita e profunda, e que vai medrando en superficie segundo ascendemos xa que vai cabalgando a ladeira do Socastelo.
O primeiro problema ao que tivemos que enfrontarnos, foi repensar as circulacións para adaptalas o tipo de servizo que Luis quería dar, onde cociña e sala, debían estar preto, pero sen interferencias nas circulacións.
A segunda cuestión era como articular un relato coherente con ese imaxinario sen caer na literalidade e facelo ademais nun espazo de compoñente e funcionamento vertical.
A resposta achámola cando decidimos comezar a traballar en sección.

Como se do corte estratigráfico dun terreo natural se tratara, iríamos incorporando os diferentes elementos do seu discurso de maneira secuencial nunha narrativa por niveis.
Unha planta baixa (adicada a recepción e aseos) entendida como unha cavidade subterránea, de iluminación tenue e acústica fría, onde rocha, auga e vexetación natural son as protagonistas.
As raíces dunha grande estrutura arbórea atravesan ao nivel superior, guiándonos por unha escaleira que medra a medida que ascendemos, converténdose na estrutura do segundo andar.
As madeiras naturais, os paneis artesanais de vimbio e o lume da cheminea xeran unha atmósfera cálida e acolledora. A sala de grupos sitúase no terceiro nivel en dobre altura sobre a sala principal.
A nosa árbore de vimbio prosegue o seu discorrer conformando a varanda, e as ramas cobren o teito en forma de celosía, tamizando as vistas e ocultando as instalacións.

Como di o propio Luis, hai que coidar tódolos detalles, porque o lugar onde se come, debe ser o primeiro prato do menú.

Cachamuiña

Info
2/2
2/2

PROXECTO Casa Cachamuiña en Pereiro de Aguiar
PREMIOS Premio Gran de Area 2021 | Preselección XX Premios COAG23
ARQ. TÉCNICO Miguel Gallego Otero
FOTOGRAFÍA Brais Seara Fernández
FIN DE OBRA Agosto 2021


“Esta era unha cabana ventilada e sen revoque, adecuada para entreter a un deus viaxeiro,
e onde unha deusa podería arrastrar os seus vestidos".

Probablemente, esta cita de H. David Thoreau sexa unha das máis fermosas descricións do que ten que ser unha casa.
É difícil condensar dunha maneira tan poética pero á vez tan certeira, o que debe ser un espazo doméstico apto para unha vida plena, polo menos iso me pareceu no seu día.
Sexa pola tremenda forza da imaxe dunha pequena cabana ás beiras dunha lagoa (naquel caso a lagoa de Walden), ou pola maneira sinxela e espida na que Susana e Rubén concibían o seu futuro fogar, aquela frase de Thoreau acudiu de novo a miña memoria para converterse en guía dunha determinada maneira de abordar un proxecto.

Unha arquitectura lixeira, austera e esencial, onde a luz e a paisaxe son os únicos ornamentos, onde a xeometría é lei, e onde a vida xermina nos intersticios que esta lei deixa.
Unha cabana arquetípica, á que se lle outorga a liberdade de xogar, de cobrar vida, xirándose, retorcéndose e buscando acomodo no chan, abríndose ás vistas sobre o auga e aproveitando ata o último raio de sol.
Un xogo complexo de volumes simples, que permite manter a vivenda nunha escala moi contida (case de arquitectura tradicional), e que xunto co emprego da madeira como material fundamental, fai que a casa se integre na paisaxe e pase case desapercibida entre a vexetación existente.

A vivenda “descansa” sobre o terreo, aproveitando as potencialidades da pendente, dividíndose en dúas alturas, ambas con acceso a cota, invertendo o esquema clásico de distribución (día/noite), deixando os dormitorios no nivel inferior, nun volume semisoterrado e tectónico, coma un refuxio, íntimo pero á súa vez aberto á natureza e á luz da mañá.

No nivel superior, e con acceso directo dende o exterior, descansa a nosa cabana.
Un gran espazo único e fluído (cociña-comedor-salón-estudio), froito do xogo xeométrico de conexión entre tres volumes a dúas augas, que busca a un tempo, aproveitar todas as horas de sol posibles, e abrirse ás vistas sobre o encoro, que pasarán a ser as protagonistas, e o fondo natural e cambiante do espazo doméstico.
A posición elevada deste gran espazo, e a súa proxección en voo sobre a planta baixa e o xardín, permite xerar unha zona exterior cuberta onde tomar a sombra ou protexerse da choiva, discriminando as vistas sobre á estrada.
Este xogo xeométrico de superposición entre as dúas plantas, permite garantir condicións óptimas de luz e ventilación natural na zona soterrada, mediante a posición do núcleo de escaleiras, e pola articulación dun patio inglés en forma triangular que emerxe no exterior da planta principal, conseguindo ademais un pequeno xardín íntimo e protexido das vistas ó que poder abrir o corredor e o baño.

Se ben a planta baixa enténdese como un podio masivo de formigón que semella nacer do subsolo e soluciona o contacto co terreo, a planta superior ideouse completamente en madeira (estrutura, pechamento, fachada e cuberta), mediante un sistema Timberframe con características de casa pasiva.
Trátase dunha estrutura tridimensional moi lixeira, que permite grandes espazos abertos, sen elementos de arriostramento que alteren a percepción abstracta do interior, baseando a estabilidade estrutural no encaixe xeométrico das partes.
As propiedades deste tipo de envolventes, xunto ca utilización de pinturas ecolóxicas de base cal, permiten un comportamento higrotérmico óptimo do conxunto, que garante á autorregulación do nivel de humidade, favorecendo un ambiente san e confortable, sen depender de sistemas de climatización.

Así se simple. Así de complexo.

O máis fermoso do noso traballo, é comprobar como os espazos que xeran os nosos proxectos, e os espazos que os nosos clientes imaxinaban, ás veces, coinciden, pechando así o círculo.
Fai uns días, volvemos a facerlles unha visita.
Rubén, recen chegado dunha viaxe, entretíñase arranxando algo no xardín.
Susana, arrastraba polo chan do estudio a tea para un novo vestido (é o que ten ser deseñadora).

Casa 7 | 5 | 3

Info
2/2
2/2

PROXECTO Casa 7 | 5 | 3
PREMIOS FINALISTA XX PREMIOS COAG23
Finalista Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Xunta de Galicia 2018
ARQ. TÉCNICO Ramón Otero Saavedra
FOTOGRAFÍA Iván Casal Nieto
CONSTRÚE AreaGrande S.L.
FIN DE OBRA Octubre 2021


Acostumados a traballar en contextos moi estreitamente vinculados ca estrutura de propiedade e o aproveitamento “contemporáneo” da terra (empobrecido ata ó mero uso residencial), e a súa consolidación legal a través das diferentes regulamentacións urbanísticas, sempre é benvida a posibilidade de abordar proxectos onde a terra mantén o seu valor produtivo e social tradicional e onde a maneira na que se organiza, configura a auténtica ordenación do territorio.
Lugares onde as fincas teñen nome propio (máis aló dunha aséptica referencia catastral), das que se fala co cariño co que se falaría dun ser querido, e onde o valor real das mesmas ten máis que ver ca calidade da terra e a súa capacidade para soportar as rotacións dos cultivos que ca súa calificación nun plan xeral de ordenación.

As fincas de Ton e Mónica de pouco máis de sete ferrados onde dende sempre se sementan pataca e grelo, atópanse preto de Coristanco, no linde noroeste dun agra situada entre os lugares de Vilartrigueiro, Outeiro e Cacheiros. En lixeira pendente en orientación sueste, bañada polo sol e cunhas fermosas vistas sobre ese gran tapiz cambiante que lles da de comer.
Pese a que eles xa non viven directamente da agricultura, as súas familias si, e eles mesmos, continúan a ter unha vinculación moi estreita co agro, entendendo perfectamente o valor real da terra e as dinámicas de traballo que foron humanizando ese territorio o longo dos séculos.

Esa comprensión profunda do contexto no que íamos a intervir, foi clave á hora de abordar o proxecto.

Dunha banda, situar a vivenda de xeito que permitise seguir traballando a terra, respectando as mellores fincas (as máis produtivas) e permitir o libre acceso para traballalas (non delimitando fisicamente a parcela con ningún tipo de peche). Eso levounos a situar a vivenda no linde noroeste, preto do camiño e das casas veciñas, nunha zona de acceso que tradicionalmente non se cultivaba.
Por outro lado, buscaban que a vivenda se integrase o máximo posible co entorno paisaxístico e produtivo.

Esa vontade de mímese co territorio levounos a facer unha análise co contexto construído e arquitectónico da contorna, na procura de certos principios de actuación sobre os que traballar.
Inmediatamente, veunos á cabeza a arquitectura das Agras coruñesas, exemplo de arquitectura vernácula mixta (vivenda-traballo) moi estendida, e cas súas especificidades locais na comarca de Bergantiños. Desgraciadamente, non fomos quen de localizar nen un só exemplo.
A realidade arquitectónica da comarca, (como a de tantas outras) baséase na dispersión, e na centrifugación de usos que tradicionalmente compartían espazos. Por un lado, unha arquitectura residencial (executada principalmente nos derradeiros 40 anos) desvinculada xa do uso produtivo da terra, e por outro, unha arquitectura agraria, anónima, simple e funcional.

A primeira decisión foi mudar pois o marco referencial.
A integración viría por un diálogo directo e sincero ca arquitectura do traballo, na que dalgún xeito sobreviviron parte dos principios que rexían a arquitectura tradicional das Agras.
Volumes compactos en planta baixa (a diferencia da disgregación funcional que atopamos noutras partes de Galicia), onde casa e espazos de traballo coexisten baixo unha mesma cuberta, elemento protagonista e definitorio do volume construído e con zonas abertas e cubertas previas os accesos.
Evidentemente, non se trataba de facer unha reinterpretación en termos de linguaxe ou materiais que nos unira directamente cun pasado arquitectónico que por desgraza xa non existe, se non de atopar oportunidades tipolóxicas na aproximación a unha arquitectura sen concesións, austera, humilde, funcional e polo tanto digna.
Escala, modulación, sinceridade estrutural e construtiva e unha total ausencia de pretensións estéticas debían guiar o proxecto.

Planta única sobre unha cuadrícula estrutural (7/5/3 x 7/5/3 metros) que configura espazos cadrados e rectangulares en diferentes proporcións, onde aloxar un programa mixto, de vivenda e un garaxe/taller, todo elo baixo tres cubertas a dúas augas que respondendo á mesma modulación, tradúcese en tres volumes de ancho e altura diferentes, e que permiten á súa vez ser desfasados para aloxar espazos cubertos de acceso e almacenaxe de apeiros.
Estrutura tamén mixta, pórticos de formigón con piares en cada un dos vértices da cuadrícula e cubertas de madeira dando como resultado diferentes teitos e alturas en cada un dos espazos.
Traballando con 3 cubertas, non só limitamos a altura xeral da casa (cousa sempre complexa en vivendas en planta baixa), se non que conseguimos unha certa variedade de espazos interiores, e unha volumetría contida cun nexo tipolóxico claro.

O último día que estiven por alí, Ton andaba algo preocupado co frío...
-¿Pasades frío na casa?- preguntei,
- Non, ...e que este ano non está facendo bastante frío para o grelo.

Casa en Perillo

Info
2/2
2/2

PROXECTO Casa en Perillo
PREMIOS PROX. PRESELECCIONADO XX PREMIOS COAG23
ARQ. TÉCNICO Javier Muñiz Canedo
FOTOGRAFÍA Héctor Santos-Díez
CONSTRÚE AreaGrande S.L.
FIN DE OBRA Septiembre 2021


Non é nada novo.
Foi sempre así, e pese a todo, cada vez que acontece, debúxanos un sorriso nos beizos.
Porque canto máis estreito é o noso marco de traballo, máis Arquitectura colle nel.

Este é posiblemente o proxecto máis condicionado ao que nos temos enfrontado polo momento, ate o punto de que se nos formulou case en forma de ultimato; se o proxecto non era capaz de responder ás necesidades dos clientes cumprindo con cada un dos innumerables condicionantes físicos e urbanísticos, desistiríase de intentar facer nada nesta parcela, buscando outras alternativas.

Así pois, non se trataba de dar unha resposta , se non de dar ca resposta.

A vivenda sitúase en Perillo (Oleiros), nunha zona en proceso de densificación baseado en vivenda unifamiliar illada en parcelas de escasa superficie que no noso caso ademais ten forma de cuña, irregular e en pendente, resultado dun proxecto de urbanización incomprensible que obriga a formalizar unha plataforma plana (un metro por riba da rasante da rúa inferior de acceso) onde implantar de xeito obrigatorio todas as vivendas, sen atender á realidade topográfica da parcela matriz, facendo que as casas situadas nas parcelas superiores queden baixo a rasante da rúa.

No noso caso, por tratarse dunha parcela final de mazá, víase ademais prexudicada por estar a maior parte do seu perímetro en contacto directo con vía pública, o que obriga a un recuado mínimo de 5 metros, limitando aínda máis o noso espazo potencial de implantación á metade sur da mesma.
As necesidades programáticas obrigaban a esgotar a edificabilidade permitida, pero facendo isto compatible cos accesos peonil e rodado dende a rúa inferior (non se permitía o acceso á parcela dende ningún outro punto) e un correcto funcionamento da vivenda garantindo as relacións visuais ca paisaxe e un correcto asoleamento.

A resposta comezou a coller forza cando comprendemos, e en parte aceptamos, que as deficiencias e contradicións inherentes o propio proxecto de urbanización (formalización dunha plataforma de implantación, imposibilidade de conservar a rasante natural do terreo, obrigatoriedade de resolver os enormes desniveis mediante un infame talude a 45º...) limitaban e condicionaban os usos e o aproveitamento real da planta baixa.
Tendo que facer compatible a implantación sobreelevada da vivenda, a relación desta co xardín, e todo isto cos accesos peonil e rodado, chegamos á conclusión de que á planta baixa non se lle podía esixir demasiado en termos programáticos e dimensionais, e que terían que ser as plantas superiores ás que recuperaran a edificabilidade perdida e imprescindible.

Chegamos así a unha estrutura arbórea, de base estreita, ampliándose nas plantas superiores conformando importantes voos en todos os alzados, que á súa vez son empregados como zonas exteriores cubertas que non só permiten novos usos (porche, aparcamento), se non que conseguen esponxar a relación entre os límites de casa e parcela, enriquecendo e complexizando ese espazo intersticial.
Unha casa en espiral que cose cinco niveis diferentes nunha secuencia funcional ascendente e cada vez máis íntima e que ten unha tradución material directa a través dunha estrutura pregada continua de formigón branco, que vai dende os muros de soto ata a propia cuberta, resolta no mesmo material.
A envolvente vertical e as fachadas, integralmente executadas en madeira mediante un sistema clásico de entramado lixeiro, dialogan co formigón nun xogo xeométrico preciso e complexo que pechan o deseño dotando o conxunto dun claro carácter obxectual e dunha amabilidade e sinceridade material que o afastan de moitas das propostas da contorna.
Non sen esforzo, consideramos que fomos quen de atopar a resposta. De facer viable un proxecto que xogaba con todo á contra.

O da forma na que están medrando as nosas cidades e vilas, se iso, deixámolo para outro momento.
Ás veces, toca entender a arquitectura como disciplina para solucionar problemas que a propia disciplina xera.

Viña

Info
2/2
2/2

PROXECTO Casa da Viña en Allariz
PREMIOS 1º Premio XVII COAG Rehabilitación
Finalista Premios Juana de Vega 2018
Finalista Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Xunta de Galicia 2018
Premio Gran de Area 2017
CONSTRÚE AreaGrande S.L.
FOTOGRAFÍA Brais Seara Fernández
FIN DE OBRA Xaneiro 2016


Un dos primeiros recordos que teño de neno, ten que ver con esta casa. O cheiro dos acios de uvas postos a secar en interminables cordas de rafia inundando aquel espazo xa daquelas medio en ruínas.

Con máis de cen anos, e sendo construída como casa de labranza e adega, sempre foi un lugar máxico, inhabitado, pero incriblemente suxerente , con muros de pedra que xa quixeran moitas fortalezas, simplemente para albergar viño, froita e algún que outro animal, o que nos conecta cunha época na que as prioridades eran ben distintas.

A casa asentábase de maneira maxistral no linde entre tres fincas; un prado, e dúas viñas, unha delas aterrazada arredor dun outeiro, chantada nun enorme penedo que ocupa boa parte da planta baixa.
A planta confórmana tres corpos que parecen nacer da rocha, enfocando cada un a súa finca correspondente. Estes tres corpos configuraban seis espazos (tres en planta baixa, e tres en planta primeira), completamente independentes os uns dos outros, por ese motivo teñen sempre acceso dende o exterior, incluídos os da planta superior, pois tampouco existían escaleiras dentro.

Os espazos resultantes, sobre todos os da planta primeira son dunhas proporcións fóra do común, con teitos de máis de seis metros de altura e sen partición interior algunha. É pois, unha construción moi particular, que se afasta pola súa configuración espacial de calquera vivenda, pero que pola súa calidade construtiva está lonxe dunha edificación de uso agrícola.
Todo isto, unido ca conexión emocional que nos vincula con este lugar, obrigounos a ser extremadamente radicais ca nosa proposta, dende a absoluta convicción de que debemos proxectar pensando non só nas ruinas nas que temos que intervir, se non tamén no valor das ruínas que imos deixar.

Esa radicalidade levounos a plantexar un proxecto escrupulosamente respetuoso ca preexistencia, preto á "non intervención", conseguindo modificar o seu funcionamento interno co menor número de xestos posibles. Foron catro: -Apertura de ocos de paso (un en planta baixa, e dous en planta primeira).
-Aparición dunha escaleira interior labrada na rocha.
-Execución dun "núcleo" estrutural exento para albergar servizos e instalacións.
-Apertura de lucernarios en cuberta para mellorar as condicións de iluminación diúrna.

Fuxindo dun plantexamento distributivo derivado da aplicación dun programa funcional, decidimos simplemente interconectar nos menos pasos posibles os espazos existentes, tanto en horizontal coma en vertical.
Os novos usos (cociña, almacenaxe, baño, aseo, cheminea, ventilacións) debían de concentrarse nun novo elemento de carácter singular que permitise cun impacto e custo mínimo articular os espazos, organizar as circulacións, simplificar a estrutura e concentrar o paso e distribución das instalacións, que non tocase ós muros, pero que transmitira unha contundente e sincera materialidade.
O resultado, é unha concatenación moi rica de espazos de diversas proporcións e condicións lumínicas, que engadido á especial relación co exterior e a paisaxe, permite conexións visuais e percorridos infinitos nos que se van descubrindo de vez novos recunchos.
O tratamento interior dos muros recupera o encalado orixinal destas estancias, favorecendo unha certa percepción abstracta dos espazos e intensificando os curiosos efectos lumínicos que xera o ter ocos en todas as orientacións posibles, incluíndo as cenitais e que van cambiando segundo avanza o día.
Arquitectura esencial e complexa, mostrando a súa amable crueza e sendo capaz de reavivar aquelas sensacións primixenias, que dalgún xeito seguen condicionando a miña maneira de apreciala.

Dende hai un tempo, temos a enorme fortuna de vivir diariamente esta casa, que con moito cariño convertemos no noso espazo de traballo, e que nos fai sentir a un tempo moi pequenos como arquitectos, pero á vez, apuntala a nosa convicción de que sempre houbo, hai e haberá espazos xenuínos para a felicidade.

Xoane

Info
2/2
2/2

PROXECTO Casa Xoane en Carballo
PREMIOS Finalista premios XIX COAG
CONSTRÚE AreaGrande S.L.
ARQ.TÉCNICO Ramón Otero Saavedra
FOTOGRAFÍA Brais Seara Fernández
FIN DE OBRA Novembro 2016


Temos considerado sempre o emprazamento coma unha fonte inesgotable de condicionantes que en maior ou menor medida, modulan as nosas aproximacións iniciais cando abordamos un novo traballo. Pero en poucas ocasións,o contexto físico nos agasalla directamente ca clave conceptual sobre a que basear todo un proxecto.
Esta, é unha delas.

Imaxinade unha parcela de forma triangular, cun dos seus vértices, elevado e abríndose cara as vistas afastadas do Nordés nun ángulo exacto de 25º.
Imaxinade que a pendente da parcela, coincide exactamente con ese ángulo (-12,5º respecto á horizontal), e que superpoñendo ambos (planta e sección), conformamos un cono visual, que cingue por unha banda os lindeiros da finca, e por outra, a ladeira na súa rasante natural.
Imaxinade unha casa xusto no vértice dese cono, coma se dunha vella caixa escura se tratara, aberta cara o horizonte, disposta a capturar toda a beleza do val para nós.

Cando Julio e Cris nos chamaron para facerse a súa casa, xa nos avisaran do especial deste lugar.
De xeito intuitivo, coma anticipando que a parcela ía ter moito que dicir, só nos puxeron dúas condicións:
que a casa debía de ser en planta baixa e completamente accesible (incluído o garaxe), e que parte do xardín estivera protexido do vento e que fose o máis íntimo posible.

Dende o día que puxemos un pé na parcela, fomos conscientes que este sería un proxecto dos de escoitar, observar e en certa maneira, deixarse levar. As pezas estaba enriba da mesa. Só había que colocalas ben.
Propuxemos unha casa compacta, nun volume rotundo, situada na zona máis elevada da parcela, dividindo a mesma en dúas partes, unha máis pequena, orientada a Suroeste e protexida das vistas, e outra a Nordés, en pendente descendente onde poder plantar uns cantos carballos.
Ese volume masivo e compacto, completamente pechado ao exterior e baleirado de xeito transversal no seu centro, divide a vivenda en tres espazos de 7x10 m.
O volume Noroeste, vincúlase co camiño, acollendo os accesos e o garaxe, minimizando os traballos de urbanización e funcionando coma barreira co espazo público.
O volume Sueste acolle dormitorios e baños, conformando un refuxio íntimo, abríndose de maneira discreta á luz da mañá.
O volume central é un gran baleiro, aberto en ambas direccións o longo do eixo do noso cono visual, que conecta o xardín Sur coas vistas sobre o val, a través dun espazo único onde se sitúan a cociña e o estar, pasando por dous espazos exteriores cubertos.

A pesares da rotundidade ca que se mostra, é unha casa onde as protagonistas son a luz e a paisaxe que consegue capturar, e onde todas as estancias (incluíndo garaxe, baños e lavandería) non só teñen luz natural, senón tamén acceso directo ó exterior.
A vivenda póusase no terreo de maneira tranquila, e só onde a rasante natural o permite (esquina Leste), aparece un pequeno semisoto con acceso directo dende o exterior, onde gardar os apeiros de traballo.

Este é un deses proxectos aos que volvemos regularmente para recordar que ás veces, o lugar ten un plan para nós. Soamente hai que saber escoitar e deixarse guiar, avanzando con perfil baixo, ideas claras, e trazo amplo.

Ferreiría

Info
2/2
2/2

PROXECTO Rehabilitación na rúa Ferreiría
ARQ.TÉCNICO Miguel Gallego Otero
CONSTRÚE Estilo D50 S.L.
FOTOGRAFÍA Brais Seara Fernández
FIN DE OBRA Setembro 2018


A rúa da Ferreiría, situada no Casco histórico de Allariz, discorre en paralelo á antiga muralla medieval, e desemboca fronte a Igrexa románica de Santo Estevo. Durante séculos estivo vinculada a diferentes oficios artesáns como o seu nome indica. De feito, xusto detrás (entre a muralla e a propia rúa) atopamos a denominada Praza dos Carbóns.
Pero a historia da vivenda na que en 2016 se nos encarga intervir, ten máis que ver con outro oficio. O de zapateiro.

Durante décadas, esta pequena vivenda, como tantas outras nestes barrios artesáns, xogou un dobre papel, acollendo casa e taller.
E nese contexto naceu e medrou Ana, a actual propietaria, filla de zapateiro, e que hoxe, toma o relevo para dar un novo uso a aqueles vellos espazos.
A casa, dividíase en dúas alturas e un faiado. Na planta baixa situábase o taller, o baño, e unha pequena corte para os animais, e no primeiro andar, a vivenda, que contaba con tres dormitorios, unha pequena sala de estar, cociña e comedor, todo elo en pouco máis de 42 m².
O faiado, que fora obxecto dunha reforma pouco delicada nos anos 90, empregábase como zona de almacenaxe e coma acceso a unha pequena terraza situada na parte posterior da vivenda, abríndose cara a Praza dos Carbóns e a muralla medieval.

O gran reto á hora de abordar este proxecto, estaba na necesidade de facer habitables as tres alturas para albergar un programa moi extenso, sen aumentar volume, nin altura, e respectando todos os ocos existentes, sen poder alterar ningunha das súas fachadas que daban a espazo público.
Para elo, debíamos acondicionar a planta baixa como espazo vivideiro, introducir servizos en todas as plantas, e replantexar por completo o funcionamento da vivenda, comezando pola aparición dunha nova escaleira que minimizara o espazo adicado a distribución.

O proxecto resólvese mediante execución dun moble estrutural que percorre a totalidade da vivenda, cun triple obxectivo:
-Apoio para as vigas dos novos forxados de madeira laminada e máis da nova escaleira.
-Permitir o paso de varias instalación de xeito centralizado (ventilacións, electricidade...)
-Posibilitar novos usos no seu interior (lavadoiro en planta baixa e moble de almacenaxe en planta primeira).

Esta solución permitiunos centralizar o funcionamento da vivenda na esquina máis desfavorable, liberando así o resto das plantas para acoller o novo programa de vivenda, e dotando a todas as estancias de luz natural e ventilación.
A execución da nova estrutura fíxose integramente en madeira, ao igual que as carpinterías exteriores e os pavimentos.

Galeras

Info
2/2
2/2

PROXECTO Casa Galeras en Oleiros
CONSTRÚE AreaGrande S.L.
ARQ.TÉCNICO Ramón Otero Saavedra
FASE En Execución

Santa Cruz

Info
2/2
2/2

PROXECTO Casa Santa Cruz en Oleiros
PREMIOS Finalista premios XVIII COAG
CONSTRÚE AreaGrande S.L.
ARQ.TÉCNICO Ramón Otero Saavedra
FOTOGRAFÍA Brais Seara Fernández
FIN DE OBRA Novembro 2016


Un dispositivo habitable con sus propias leyes internas, capaz de generar espacios variados y recorridos sugerentes, sin atender, al menos en un primer instante a cuestiones programáticas, dimensionales o normativas.
Un gran sólido horadado, en un único material (todo en esta casa es hormigón), donde todo es parte de una misma cosa, generando una secuencia de espacios listos para ser colonizados.
Una estructura arbórea que gira y se desarrolla en torno a un elemento fuerte, con una sistemática clara y rotunda, pero que a su vez permita cierto grado de libertad, abriéndose o cerrándose allí donde el exterior lo sugiere.

La ligera pendiente y el doble acceso a la parcela por los frentes noreste y suroeste nos llevó a decantarnos por una organización en medias alturas con cuatro niveles y una escalera que los cose, en un recorrido vertical abierto en el que irán apareciendo espacios, en una gradación de intimidad creciente según ascendemos.
Los dos primeros niveles, en contacto con el terreno, se abren completamente al exterior, de manera sistemática a todas las orientaciones a través de cuatro grandes pórticos, a cota con los diferentes niveles de la parcela. El acceso peatonal y rodado se produce por la cota superior. En la inferior, la casa se abre al gran jardín.
Sin prácticamente tabiquería, los espacios en esta planta baja, abiertos y concatenados, son la consecuencia directa del orden interno de nuestro dispositivo.

Estructura y luz, la vida llegará después.

La decisión de establecer cuatro niveles, hace que sea una casa de funcionamiento casi vertical, de ahí la idea de que la escalera no sea simplemente un elemento que nos permita pasar de una cota a otra, si no que genere un auténtico recorrido en el que continuamente estén sucediendo cosas. Rincones que aparecen por sorpresa, vistas directas sobre el paisaje, visiones tangenciales interiores, salidas a espacios exteriores, y que sin darnos cuenta, nos lleven de los espacios comunes a los espacios privados, de manera natural.
Los dos niveles superiores, al contrario que la planta baja, se cierran en sí mismos, mediante masivos muros en los que se perforan de forma puntual determinadas aberturas, siempre de pequeño tamaño, y en los que de manera intuitiva parece quererse materializar una suerte de refugio, seguro e íntimo.
La terraza, entendida como un intersticio habitable y acogedor que horada la masiva compacidad de estos niveles superiores nos permite introducir la luz y el paisaje de manera indirecta y llevarlos hasta el corazón de la vivienda, dilatando los espacios adyacentes.

Creemos firmemente en que, si a la Arquitectura se la deja, es capaz de albergar casi cualquier cosa, y que una respuesta contundente y nítidamente tectónica puede generar espacios fértiles para una vida doméstica plena.

San Breixo

Info
2/2
2/2

PROXECTO Casa San Breixo en Allariz
CONSTRÚE Autoconstrucción
ARQ.TÉCNICO Miguel Gallego Otero
FOTOGRAFÍA Brais Seara Fernández
FIN DE OBRA Septiembre 2014

Tras máis de dous anos percorrendo as aldeas de Allariz, Manuel atopou a casa que estaba buscando. En realidade non se trataba dunha casa, máis ben era unha antiga palleira. Tanto tiña, aquela palleira estaba situada nunha das contornas máis fermosas de todo o Concello e Manuel soubo que aquel era o seu lugar.

Situada no núcleo rural de San Breixo, emprázase nunha fermosa parcela completamente illada grazas o desnivel que a separa da estrada, abríndose cara o Sur cunhas fermosísimas vistas do val de Allariz e co monte de Penamá ó fondo.
A edificación, nun pésimo estado de conservación, estaba formada por un pequeno volume a dúas alturas, duns 40m² construídos por planta, sen conexión interior, e un volume anexo máis baixo, duns 100m², que servía como palleira e zona para o gando.

Dende a primeira visita tivemos claro que o proxecto debía basearse en dúas ideas moi claras, abrir a vivenda cara as vistas (orientación Sur), e facer pivotar a distribución e os percorridos en torno a un elemento estrutural forte (pilar existente).
Ó tratarse dunha obra de autoconstrución, sabíamos que canto máis fortes foran os principios de intervención, menos dependería o resultado final da calidade de execución.
Seguindo esas dúas ideas principais, acometeuse a apertura total do alzado Sur (muro de mampostería en moi mal estado de conservación), propoñendo unha ampla galería que servira os espazos de día.
Por outra banda, articulouse todo o funcionamento da planta arredor do gran pilar de pedra que dominaba este espazo. Dalgún xeito tiñamos a sensación de que este pilar nos permitía ordenar tanto a distribución do programa de necesidades coma as circulacións horizontais e verticais da casa.
Esa articulación baseábase na colocación estratéxica, seguindo unhas pautas xeométricas, de tres grandes mobles que permitían dunha maneira sinxela configurar catro espazos (hall, cociña, salón e dormitorio de invitados), e á súa vez, en concentrar as circulacións arredor do pilar.

No pequeno volume a dúas alturas, situamos o programa de noite (dormitorio principal con baño e vestidor en planta primeira, e dormitorio secundario, baño de uso común e zona de lavandería na planta baixa).
Isto nos configuraba un esquema moi sinxelo pero efectivo, no que todo o programa de día xuntábase nun espazo único, aberto e luminoso, e o de noite resgardábase no interior dese pequeno volume en dúas alturas.
O maior esforzo radicaba en conseguir que nunha preexistencia caracterizada pola opacidade e o masivo dos seus muros, todas as estancias tiveran, non só as condicións de ventilación e iluminación obrigatorias, se non, que tiveran unha verdadeira vinculación ca parcela e a paisaxe. Para isto, ademais de ca galería Sur, traballouse especialmente na cuberta, aproveitando a fragmentación do alzado Leste en dous corpos ben diferenciados (presente xa na preexistecia), para artellar unha pequena terraza que consegue de forma moi suxerente iluminar o centro da vivenda (pilar), como dotar de vistas sobre o val á planta primeira, asomándonos sobre o tellado.
A escaleira, executada de maneira moi sinxela, xira arredor do pilar sen chegar a tocalo, e no seu percorrido serpenteante, vai cosendo as catro cotas da vivenda, o que confire ó conxunto unha certa complexidade e variedade de vistas cruzadas.

Falamos dunha obra executada en réxime de autoconstrución por só dúas persoas, Manuel e seu pai, na que a pesar das dificultades materiais, co esforzo e o cariño de todos, fomos quen de levala a bo termo.
Se a nosa primeira experiencia serviunos para estrear ferramentas proxectuais e polas en práctica, a casa de San Breixo amosounos a importancia da implicación persoal de todos os axentes.
Manuel pai e Manuel fillo construíndo a casa onde vivirá Manuel neto, podería ser unha bonita definición de Arquitectura.

BB

Info
2/2
2/2

PROXECTO Casa BB en Oleiros
CONSTRUYE AreaGrande S.L.
ARQ. TÉCNICo Roberto Pérez Manuel
FOTOGRAFÍA Brais Seara Fernández
FIN DE OBRA Setembro 2015


É moi certo que a nosa capacidade de imaxinar espazos habitables ven claramente condicionada polas nosas experiencias espaciais previas, principalmente aquelas relacionadas con momentos relevantes da nosa vida.

Berto e Begoña viviron durante anos na casa do Polvorín, unha casa que lles encantaba, e dalgún xeito, a súa idea compartida do que ten que ser unha vivenda quedou marcada por aquela experiencia.
Dende a primeira toma de contacto con eles, chegamos á conclusión de que este sería un condicionante vital do proxecto. Analizar as razóns obxectivas polas cales se sentían tan cómodos naquela casa era o paso fundamental para entender a súas necesidades e poder dar unha resposta axeitada.

As conclusións daquel análise foron moi interesantes.
Precisaban unha casa cómoda, sen corredores de distribución, onde as estancias estiveran conectadas entre si nunha secuencia espacial continua que xirara en torno a dous espazos comúns, un gran salón-comedor, e unha biblioteca.
O reto radicaba en reinterpretar estes condicionantes de forma axeitada, conseguindo xerar un sistema ordeado e lóxico dentro dunha proposta coherente.

Deste xeito, decantámonos por unha planta cadrada de 11x11 metros en dúas alturas, facilitando un esquema moi compacto de funcionamento.
A planta baixa, articúlase mediante un esquema moi sinxelo de catro cuadrantes en esvástica onde situar os servizos, xirando en torno a un gran espazo central vinculado de maneira directa con ditos servizos, co taller de escultura (ca posibilidade de transformalo no seu momento nun dormitorio accesible con baño propio), e co exterior.
Do mesmo xeito, na planta primeira, un gran espazo dedicado a biblioteca, serve á súa vez como acceso ós dormitorios principal e de invitados.
Ambas plantas comparten ademais unha vinculación directa con espazos exteriores cubertos (porches e balcóns) , dous por planta, situados en esquinas contrapostas, o que permite alixeirar a volumetría , enriquecendo os límites interior-exterior .
A estrutura de formigón armado branco, sitúase no exterior, conformando un entramado tridimensional cos pilares contrapeados acompañando a estes espazos exteriores cubertos e en número alterno 2-1 en todos os alzados.
Os ocos de fachada van sempre de chan a teito, de maneira limpa, enfatizando a contraposición entre estrutura e vanos intermedios.

A dicir verdade, a vivenda resólvese con moi poucos detalles que se van repetindo, executados de maneira moi sinxela e natural, o que, xunto ca contraposición material entre a estructura vista de formigón branco e os vanos trasventilados de Viroc, confiren ó conxunto ese aspecto de obxecto rematado pousado na parcela.
O interior debía concibirse como un gran lenzo branco agardando a ser colonizado polas obras de arte, polo que nos decantamos por acabados moi sinxelos e neutros.
Esa é precisamente unha das características especiais desta vivenda, que sendo unha peza residencial singular e cun marcado carácter propio, reprégase nos interiores, deixando o protagonismo á vida dos seus usuarios materializada nos seus obxectos cotiás e mobles.

Creemos que a día de hoxe Berto e Begoña xa teñen unha nova casa que botar de menos no futuro, e esa é sen dúbida a mellor recompensa ó noso traballo.

Roiriz

Info
2/2
2/2

PROXECTO Casa Roiriz en Allariz
CONSTRÚE Desarrolla S.L.
ARQ.TÉCNICO Pablo A. Rodríguez Rodríguez
FOTOGRAFÍA Brais Seara Fernández
FIN DE OBRA Xullo 2014


Cando un comeza a súa andaina profesional como arquitecto, e máis nos tempos nos que nos tocou exercer, sempre se agarda con ansias (e certa cautela) a primeira oportunidade de facer unha casa. Despois chegaron moitas outras, pero a de Bea e Oscar foi a primeira.

Situada no Lugar de Roiriz de Arriba (Concello de Allariz), nunha finca cunha lixeira pendente, a proposta parte da idea de conciliar a articulación da vivenda nunha única planta vinculada ó xardín, e o condicionante topográfico da parcela. Isto obrigaba a elevar a vivenda, o que nos permite aloxar nese novo espazo inferior o acceso e as zonas de servicio, xerando un espazo exterior cuberto moi versátil que dalgún xeito desdebuxa e enriquece o límite interior-exterior.

O feito de concentrar todo o programa nunha soa planta (a petición da propiedade), xeraba unha volumetría excesivamente contundente para as características da contorna.
O proxecto sérvese do emprego rigoroso de ferramentas xeométricas para fragmentar, dislocar e distribuír dito programa en volumes de menor escala, relacionados entre si e co exterior, enriquecendo a súa relación ca parcela e os lindes.
Partindo dun esquema moi básico e atendendo a criterios de accesibilidade, orientación e intimidade, a planta vaise configurando nun múltiple xogo xeométrico de simetrías que é capaz de organizar tanto a estrutura como o funcionamento da vivenda dunha forma eficaz e controlada (esencial nunha primeira obra), xerando a súa vez espazos moi diversos.
Zona de día, vinculada aos alzados Sur e Oeste. Zona de noite orientada a Norte e Leste, e articulando e conectando ambas entre si e co espazo inferior, un elemento central de distribución e escaleira iluminado cenitalmente por unha lanterna que recolle todas as luces do día, permitindo á súa vez un efecto cheminea para a ventilación natural no verán.

Así mesmo, este múltiple xogo compositivo, configura unha secuencia de volumes (3+2) con cubertas planas a diferentes alturas, que rompe a volumetría, tanto en vertical como en horizontal permitindo unha relación de escala máis amable co entorno.
Pretendeuse dende un primeiro momento plantexar unha execución moi sinxela, empregando non máis de tres materiais. Os paramentos de cor branca, os detalles de cuberta executados en zinc, e os muros de contención en formigón visto confiren un saudable aire de contención e serenidade ó conxunto.
No interior, logrouse unha relación moi lóxica entre as diferentes partes, así como minimizar os espazos de distribución e lograr constantes vistas transversais permitindo sempre escapatorias visuais ó exterior.

Outro tema que se tratou con especial coidado foi o da relación entre o interior e a paisaxe. Todos os ocos dos alzados Norte e Sur (os teoricamente máis penalizados polos deslindes), pensáronse para enmarcar vistas concretas, introducindo porcións de paisaxe dentro da vivenda.
Todo elo baseado nun estrito plantexamento sostible que inclúe un alto nivel de illamento e o emprego da xeotermia como sistema de calefacción e ACS.

Falamos pois, dun proxecto iniciático, que no seu momento quixemos abordar con moita humildade pero tamén con firmeza e rigor, no que o tempo e o día a día dos seus inquilinos rematou por confirmarnos que emprendéramos o camiño correcto.

Carballiño

Info
2/2
2/2

Reforma Interior | A Estrada

Info
2/2
2/2

PROXECTO Ampliación e Reforma interior de vivenda
CLIENTE Privado
ARQ.TÉCNICO Jose Manuel Riveira Castro
FOTOGRAFÍA Brais Seara Fernández
FIN DE OBRA Mayo 2018